Friday 03 de May de 2024

Gonzalo Muíños reclámalle a Sanmartín que rectifique a zona ORA en Santa Marta


Cun vídeo desde o aparcadoiro do CHUS ás 7:30 da mañá denunciou que moitas persoas que deixaban os seus coches nas rúas afectadas pola zona azul agora os estacionan no parking estando “xa cheo” antes de que comecen as consultas

Cuestiona tamén a actitude da Xunta e reclámalle que “asuma as súas competencias e financie un aparcadoiro que usan 450 mil galegas e galegos”

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024. Gonzalo Muíños púxose didáctico este mércores para denunciar como a chegada da zona ORA ás rúas de Santa Marta está provocando que moitas veciñas e veciños opten por aparcar o seu coche no aparcadoiro do Hospital Clínico, estando este cheo “antes, incluso, do comezo das consultas”.

Ás 7:30 da mañá o portavoz dos socialistas amosou a través dun vídeo compartido polas redes sociais do partido a situación do parking do CHUS xa a esa hora. Explica que, coa zona azul en funcionamento na Avenida de Barcelona, Av. de Bilbao, a rúa Antonio Rama ou Manuel Caeiro “algunhas persoas que deixaban alí os seus coches, agora os traen aquí, dificultando máis aínda que as persoas usuarias do hospital poidan empregar este parking”.

Gonzalo Muíños insiste en que, o efecto que polo de agora está provocando a medida impulsada polo goberno local é que sexa “máis difícil se cabe” estacionar no propio aparcadoiro do Clínico: “isto, sumado aos traballadores que non teñen unha solución de transporte colectivo por parte do SERGAS e ás persoas e estudantes que xa deixaban aquí o seu vehículo durante toda a semana, ten este resultado”.

“Que rectifique”

Muíños insiste en reclamarlle ao goberno local que rectifique esta medida e “volva á senda do diálogo”. Lembra que a zona ORA no barrio foi impulsada polo goberno sen previo diálogo coa veciñanza, “cando anunciaron esta medida, a asociación de veciños tiña pendente unha reunión coa alcaldesa desde novembro”; polo que lle pide ao executivo de Sanmartín que “se sente cos veciños e consensúe unha solución realmente efectiva”.

O portavoz socialista insiste ademais en reclamarlle á Xunta “que asuma as súas competencias” e financie un aparcadoiro “que usarían 450 mil galegas e galegos dos que só 98 mil son composteláns”.